Friday 03 de May de 2024

Fene tampouco autorizará fogueiras do San Xoán en espazos públicos e praias


O consistorio si permite facer cacharelas en propiedades privadas extremando as medidas de precaución e con comunicación previa antes do día 22

O Concello de Fene comunicou hoxe a través dun bando da Alcaldía a prohibición de facer cacharelas do San Xoán nas praias e en solo e espazos públicos de titulariedade municipal. En espera de que nos próximos días se vexan aliviadas as restricións, o consistorio optou por cinguirse ás que están en vigor neste intre co obxectivo de evitar as aglomeracións de persoas. No mesmo bando indícase, porén, que si se autorizarán as luminarias tradicionais que se organicen en terreos particulares na noite do 23 ao 24 de xuño. Nese caso deberán respectarse as condicións de hixiene e distanciamento social, as precaucións habituais para evitar incendios ou accidentes e, ademais, tamén se recorda a obriga de facer a correspondente comunicación previa antes das 14.00h. do día 22 de xuño.

A prohibición atinxe a lumes, sardiñadas ou barbacoas en “solo público municipal, espazos de titulariedade municipal e praias durante a noite do 23 de xuño ao 24 de xuño”, unha data na que o territorio se enchería de grandes e pequenas fogueiras que, igual que o ano pasado, deberán quedar no ámbito privado. Así o indica o bando da Alcaldía publicado esta mañá, onde se engade que as luminarias “en terreos particulares” deberán respectar “as normas sanitarias vixentes relativas á COVID-19”, ademais das referidas á seguridade e a prevención de incendios.

Así, as luminarias privadas estarán circunscritas ás parcelas situadas en solo urbano ou en solo de núcleo rural. As cacharelas han de gardar unha distancia mínima de polo menos 15 metros con respecto a mobiliario urbano e a árbores de porte pequena ou mediana. A distancia deberá ser dun mínimo de 25 metros se as árbores están máis desenvolvidas e esa mesma separación será a que haberá que manter con respecto a tendidos eléctricos ou telefónicos.

Entre as precaucións que se deben tomar están todas aquelas que nos di o sentido común: non amorear grandes cantidades de combustible -máximo 3 metros de alto e 8 de diámetro-, non queimar obxectos que poidan desprender gases ou fume tóxico, apagar a cacharela se se levanta vento intenso -ou non prendela se xa zoa durante o día- e asegurarse de que non quedan brasas acesas cando se dea por finalizada a noite do San Xoán.

Ademais de todo isto, para organizar unha luminaria privada será preceptiva unha comunicación previa ao Concello, que se ha de presentar antes das dúas da tarde do 22 de xuño a través da Sede Electrónica ou ben de maneira presencial, aínda que nese caso será obrigatorio solicitar cita previa a través do teléfono 981 492 707, no correo citaprevia@fene.gal ou entrando no sitio https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/

O modelo de comunicación previa e o bando coas normas poden descargarse desde a web fene.gal